venres, 27 de xaneiro de 2012

Resesos e perroflautas

A verdade é que estiven pensando moito tempo se ía escribir esta anotación, e no caso de facelo que que ía dicir que non se teña dito xa. En fin alá vou e perdoen os lectores pola reiteración de contidos. De feito para complementar o que segue recomendo ler (1,2) anotacións anteriores que tratan aspectos do mesmo tema: a Asemblea do BNG e que vai saír dela.

Desde outubro de 2010 ata hoxe tiven a oportunidade de falar con moitas persoas do BNG. Persoas que eran simples militantes de base e que pertencían na inmensa maioría dos casos o colectivo máis numeroso de todos, os non adscritos a sigla ningunha. Ademais había tamén xente da UPG, non atopei ningún Irmandiño, nin de Máis Galiza. O que indica simplemente a correlación de forzas nos lugares nos que me movín, que ninguén saque conclusións erradas. A todo iso debo sumar unha lectura atenta de moitos artigos, desde os de “La Puta Coz” os desaparecidos “Galicia Hoxe”, “Xornal de Galicia” e un bo feixe de blogues.

O trazo común de todo o anterior pode resumirse en dous conceptos: refundación e todo é culpa da UPG. O problema, ao meu modo de ver, é que por moito que se esforcen todas as fontes só transmiten unha loita polo poder. Das miñas conversas cos non upegallos non saquei ningún proxecto en limpo máis aló de que é preciso acabar co mandato da UPG. As razóns para elo foron sempre “así non se pode seguir”. Ante a miña pregunta de si tan claro o tiñan porque non daban derrotado unha organización que pese a ser maioritaria non o é en termos absolutos, a resposta foi : “ti non sabes como son os da U”. O pedir máis aclaracións os interlocutores explicáronme cousas como as seguintes:
é que os da U van sempre as Asembleas, a todas, e votan sempre
os da U cambian a data da Asemblea para cando temos outros compromisos etc.
Referíanse a Asemblea local e o compromiso que lle impediu ir votar foi levar o fillo o partido de fútbol. Resultado, de  10 membros (cifra ficticia para reflectir a composición no lugar onde me falaban), foron votar os 4 da U e 2 dous outros. Os derrotados, enfadados “por que ti non sabes como son os da U” non fixeron campaña nas locais e mesmo algún segundo os rumores a fixo a favor da lista do PSOE.

Se nos cinguimos as novas dos media o máis parecido a un proxecto alternativo é o dos Irmandiños, volcados nunha especie de “perroflautismo” que non é máis que o mesmo da U porén acaído os novos tempos e moi enfadado porque os da U gañan as Asembleas.

Pola contra cando falei cos da U estes si estaban organizados, e contaban/contan cun proxecto claro: o dos anos 70. Vamos reseso de todo. Ademais claro de estar fartos de que os demais lles boten a culpa de todo, cando a hora da verdade son eles cando acaban facendo todo o traballo.

E así estamos desde o 2001. Polo tanto eu non espero nada da Asemblea. Sobre todo porque non vai pasar o que eu considero clave: distinguir entre os problemas do nacionalismo e os da estrutura do BNG.

Do primeiro, alén de que está claro que nacionalistas hai poucos e que a maioría dos votantes do BNG son de esquerdas e non nacionalistas pouco máis podo dicir. Precísanse mentes máis brillantes ca miña para tentar atopar solución.

Respecto o segundo para min a solución sería unha refundaición de verdade: deixarse de caralladas resesas e “perroflautas”e partir de 0. Desde a UPG aos Irmandiños todos os partidos e correntes de opinión deberían disolverse e integrarse nun BNG que, agora si, fose un partido. Recoñecer que ó ser un partido de esquerdas é imposible que sexa a casa común do nacionalismo e polo tanto tender a man, de xeito simbólico, a que alguén faga un partido forte que sume pola dereita. Deixar o proceso Asembleario que so serve para unha eterna guerra de puñaladas polas costas e para atrasar a toma de decisións nun contexto, o da democracia mediatica na que vivimos, que precisa golpes de efecto e reaccións rápidas. E por último, e so por esta vez o tratarse dunha refundación, unhas primarias para escoller candidato a Xunta  e Voceiro. Primarias o estilo americano no que o primeiro paso sería agrandar o censo de participantes. Cunha campaña intensa e prolongada por cada vila do país, aberta a todos e con debates (a ver se así saía un proxecto) . Nin que dicir ten que non vai pasar nada do dito.

Entón podemos augurar calquera destas cousas:
A U gaña coma sempre e os outros seguen co de “ti non sabes como é a U”, porque marchar non van marchar.
Gañan os outros e invértense os papeis coa U adicándose a torpedear canto fagan os novos. (Por certo, para min estaría perfectamente lexitimada tendo en conta o que leva aguantado desde o 2001)
Gaña a U e os outros por fin liscan. Para min o mellor resultado posible. Desde o 2001 mantense a unidade como un fin en vez de como un medio. O obxectivo ter máis vixiados os inimigos. Igual o romper uns e outros pensan nalgo máis que nas siglas e nas persoas e sacan un proxecto que mereza a pena.



Tamén en Galizauberalles

Ningún comentario:

Publicar un comentario