venres, 20 de xaneiro de 2012

Primarias

Unha das cousas máis simpáticas das teimas progresistas no vello continente é abominar de todo o americano para despois copialas veñan ou non a conto. A copia favorita nos últimos tempos é o das primarias. Claro que o resultado sempre resulta catastrófico polo mero feito de que as primarias en Europa non teñen sentido. Para entender porque hai que ver que son as primarias en USA.
As primarias son unha das múltiples reminiscencias que quedan no sistema político usaco de cando non eran unha democracia senón un sistema liberal. Nese contexto de pensamento político liberal e non democrático encaixan  feitos como o complexo sistema de elección presidencial ou que os dous partidos, por moito que se empeñen as progresías europeas, teñan a mesma base ideolóxica. Isto debese a que nas 13 colonias orixinais non houbo que desmantelar o Antigo Réxime, por non existir, co que as tendencias políticas eran mais practicas ca teóricas. Debían debater sobre como organizar o poder non sobre as bases deste. Debido a isto, ata o día de hoxe, os partidos políticos americanos son meras plataformas electorais cuxa finalidade é facilitar o proceso electoral e non presentar unha argumentación ideolóxica de cómo debe ser o poder. Así os demócratas do sur poden ser moito máis conservadores ca os republicanos da costa leste e ao mesmo tempo estar en partidos distintos.
As primarias son o corolario lóxico do anterior. Nun país recen creado e con distancias enormes, pensemos que estamos no XVIII, o único xeito de que os candidatos fosen coñecidos era estruturar un sistema que os obrigase a percorrer o país para gañar apoios. E iso son as primarias. Co tempo quedou o asunto englobado dentro dos partidos. Partidos que comezan a existir de xeito activo co proceso en cuestión. Así as primarias serven para mobilizar o electorado no senso máis literal: conseguir que se inscriban no censo. Lembremos que o censo electoral USA é distinto do administrativo. Para figurar no censo electoral hai que inscribirse nel. As primarias buscan crear un censo favorable e convencer a xente de que finalmente faga o esforzo de ir votar o martes que toca.
Por outro lado os candidatos non so se dan a coñecer senón que van perfilando as súas propostas. Algo moi útil dado que a diferenza dos partidos europeos nos que se sabe mais ou menos o que defende cada un, en USA todo depende do candidato.  Pese a todo co paso do tempo a pureza orixinal foise diluíndo porque as campañas custan millóns e os intereses en xogo son moitos. Isto fai que na medida do posible se busque clarificar e acurtar o proceso para non favorecer o rival e aforrar custos. É dicir evitar o risco de división do partido que pode facer que os derrotados queden na casa ou voten o outro partido o ser derrotado o seu candidato nas primarias. De aí os apuros demócratas no 2008 o non chegarse a un acordo Clinton-Obama, e teimar ámbolos dous en pelexar ata o final.
E precisamente este ultimo punto o que nos permite enlazar coas primarias europeas. Os partidos europeos teñen unha base ideolóxica  clara que fai que o programa estea claro desde o comezo e non dependa dos asuntos do candidato. Ergo o único que logran as primarias e debilitar o potencial electoral do partido dado que as diferenzas van acabar sendo persoais caéndose na división do electorado. Sobre todo porque as primarias non son tan abertas como as USA dado que o factor de elaboración do censo electoral non existe. De aí que as experiencias europeas ata o momento resulten fallidas. Quere dicir isto que é imposible traspasar o modelo? De xeito literal claro que si a non ser momentos excepcionais de crise absoluta e refundación desde cero do partido. Non sendo así a única opción sería unha reflexión seria que permita cambiar o modelo. Se se quere claro. A min persoalmente non me gusta o proceso americano así que tampouco vou dar ideas.
Tamén en Galizauberalles

Ningún comentario:

Publicar un comentario