martes, 31 de xaneiro de 2012

O tres en raia ou as catro esquinas?

E pasou a feira e todo segue igual. Quen lea as reflexións da prensa escrita, papel  ou dixital, escoite os programas de televisión… sacará en limpo que a U volveu gañar e segue a ser moi mala e abraiarase da atención mediatica cara BNG fronte o silencio habitual, iso si o ton despectivo e manipulador segue omnipresente. A única nova que se sae do guión é a que fala da tricefalia imposible: Aymerich, Jorquera, Vázquez. Eu que podo dicir? Creo que atinei bastante o venres, non era difícil. Por outra banda concordo no da tricefalia que pode pasar a cuarteto se incluímos a Beiras volto a cargo institucional e coa bala de prata de marchar na recamara sen atreverse a disparala. Eu espero pouca cousa. Ningún dos catro me gustaba antes da Asemblea e despois da Asemblea non cambiei de opinión.  Coma sempre quédame a sensación de que os da U son uns resesos e ao mesmo tempo os únicos que teñen un proxecto nacionalista e son de fiar. Para a minoría que coma min se define en primeiro  lugar e ante todo coma nacionalista chega. Para a inmensa maioría dos votantes do BNG que son de esquerdas ante todo non. Imos mal. Podemos esperar algunha mellora? Iso depende das ilusións de cada un, eu non espero ningunha. Porén do mesmo xeito que o venres dicía cal sería o resultado que a min me gustaría agora elucubro sobre o que podería saír dese cuarteto se… vivísemos nun mundo de fantasía e ilusión:

-    Vázquez debería montar nun coche e comezar a percorrer cada recuncho do país de agrupación en agrupación. A campaña das autonómicas comezou o 21 de novembro do ano pasado e hai moito que facer. Reconstruír o partido e darlle pulo en tódolos lugares de Galiza debería ser o seu traballo desde xa.

-    Jorquera debería dimitir en Madrid e montar noutro coche para percorrer o país. Porén el non debería ir a ver os do partido, el debería falar con todos os que están fóra. Asociacións de veciños, de empresarios, xente nas feiras etc. Hai que escoitar, que falar e non prometer imposibles. E por suposto nunca debería coincidir no espazo con Vázquez.

-    Aymerich debería aceptar que o seu tempo xa pasou e lanzarse a xugular de Feijoo en cada intervención parlamentaria. As súas mensaxes deberían ser unha corrente de transmisión da dos dous anteriores.
-    Beiras debería ser un comodín dos dous primeiros e aproveitar o seu carisma para tentar recuperar os que marcharon ou nunca estiveron.

Por suposto os catro deberían estar coordinados coma un reloxo de precisión tanto nas verbas coma na posta en escena. E nunca coincidir no espazo salvo para momentos realmente importantes. Por que? Catro voces falando en catro lugares distintos máis dicindo o mesmo reforzan a mensaxe cubren espazo e obrigan os medios a tratar o tema. Claro que todo isto é ficción como o era a miña idea de Asemblea.

Remato cunha cousa que me abraiou do resultado da Asemblea, o ruxerruxe sobre se algúns máis centristas estarían dispostos a fundar un partido de dereitas. Sería a parvada definitiva, xa temos cinco partidos de dereita nacionalista. Se de verdade viron a verdade tras anos de” Galiza ceibe, poder popular” que non mareen máis: o que buscan xa existe, chamase Converxencia XXI.

Tamén en Galizauberalles

Ningún comentario:

Publicar un comentario