martes, 31 de xaneiro de 2012

O tres en raia ou as catro esquinas?

E pasou a feira e todo segue igual. Quen lea as reflexións da prensa escrita, papel  ou dixital, escoite os programas de televisión… sacará en limpo que a U volveu gañar e segue a ser moi mala e abraiarase da atención mediatica cara BNG fronte o silencio habitual, iso si o ton despectivo e manipulador segue omnipresente. A única nova que se sae do guión é a que fala da tricefalia imposible: Aymerich, Jorquera, Vázquez. Eu que podo dicir? Creo que atinei bastante o venres, non era difícil. Por outra banda concordo no da tricefalia que pode pasar a cuarteto se incluímos a Beiras volto a cargo institucional e coa bala de prata de marchar na recamara sen atreverse a disparala. Eu espero pouca cousa. Ningún dos catro me gustaba antes da Asemblea e despois da Asemblea non cambiei de opinión.  Coma sempre quédame a sensación de que os da U son uns resesos e ao mesmo tempo os únicos que teñen un proxecto nacionalista e son de fiar. Para a minoría que coma min se define en primeiro  lugar e ante todo coma nacionalista chega. Para a inmensa maioría dos votantes do BNG que son de esquerdas ante todo non. Imos mal. Podemos esperar algunha mellora? Iso depende das ilusións de cada un, eu non espero ningunha. Porén do mesmo xeito que o venres dicía cal sería o resultado que a min me gustaría agora elucubro sobre o que podería saír dese cuarteto se… vivísemos nun mundo de fantasía e ilusión:

-    Vázquez debería montar nun coche e comezar a percorrer cada recuncho do país de agrupación en agrupación. A campaña das autonómicas comezou o 21 de novembro do ano pasado e hai moito que facer. Reconstruír o partido e darlle pulo en tódolos lugares de Galiza debería ser o seu traballo desde xa.

-    Jorquera debería dimitir en Madrid e montar noutro coche para percorrer o país. Porén el non debería ir a ver os do partido, el debería falar con todos os que están fóra. Asociacións de veciños, de empresarios, xente nas feiras etc. Hai que escoitar, que falar e non prometer imposibles. E por suposto nunca debería coincidir no espazo con Vázquez.

-    Aymerich debería aceptar que o seu tempo xa pasou e lanzarse a xugular de Feijoo en cada intervención parlamentaria. As súas mensaxes deberían ser unha corrente de transmisión da dos dous anteriores.
-    Beiras debería ser un comodín dos dous primeiros e aproveitar o seu carisma para tentar recuperar os que marcharon ou nunca estiveron.

Por suposto os catro deberían estar coordinados coma un reloxo de precisión tanto nas verbas coma na posta en escena. E nunca coincidir no espazo salvo para momentos realmente importantes. Por que? Catro voces falando en catro lugares distintos máis dicindo o mesmo reforzan a mensaxe cubren espazo e obrigan os medios a tratar o tema. Claro que todo isto é ficción como o era a miña idea de Asemblea.

Remato cunha cousa que me abraiou do resultado da Asemblea, o ruxerruxe sobre se algúns máis centristas estarían dispostos a fundar un partido de dereitas. Sería a parvada definitiva, xa temos cinco partidos de dereita nacionalista. Se de verdade viron a verdade tras anos de” Galiza ceibe, poder popular” que non mareen máis: o que buscan xa existe, chamase Converxencia XXI.

Tamén en Galizauberalles

venres, 27 de xaneiro de 2012

Resesos e perroflautas

A verdade é que estiven pensando moito tempo se ía escribir esta anotación, e no caso de facelo que que ía dicir que non se teña dito xa. En fin alá vou e perdoen os lectores pola reiteración de contidos. De feito para complementar o que segue recomendo ler (1,2) anotacións anteriores que tratan aspectos do mesmo tema: a Asemblea do BNG e que vai saír dela.

Desde outubro de 2010 ata hoxe tiven a oportunidade de falar con moitas persoas do BNG. Persoas que eran simples militantes de base e que pertencían na inmensa maioría dos casos o colectivo máis numeroso de todos, os non adscritos a sigla ningunha. Ademais había tamén xente da UPG, non atopei ningún Irmandiño, nin de Máis Galiza. O que indica simplemente a correlación de forzas nos lugares nos que me movín, que ninguén saque conclusións erradas. A todo iso debo sumar unha lectura atenta de moitos artigos, desde os de “La Puta Coz” os desaparecidos “Galicia Hoxe”, “Xornal de Galicia” e un bo feixe de blogues.

O trazo común de todo o anterior pode resumirse en dous conceptos: refundación e todo é culpa da UPG. O problema, ao meu modo de ver, é que por moito que se esforcen todas as fontes só transmiten unha loita polo poder. Das miñas conversas cos non upegallos non saquei ningún proxecto en limpo máis aló de que é preciso acabar co mandato da UPG. As razóns para elo foron sempre “así non se pode seguir”. Ante a miña pregunta de si tan claro o tiñan porque non daban derrotado unha organización que pese a ser maioritaria non o é en termos absolutos, a resposta foi : “ti non sabes como son os da U”. O pedir máis aclaracións os interlocutores explicáronme cousas como as seguintes:
é que os da U van sempre as Asembleas, a todas, e votan sempre
os da U cambian a data da Asemblea para cando temos outros compromisos etc.
Referíanse a Asemblea local e o compromiso que lle impediu ir votar foi levar o fillo o partido de fútbol. Resultado, de  10 membros (cifra ficticia para reflectir a composición no lugar onde me falaban), foron votar os 4 da U e 2 dous outros. Os derrotados, enfadados “por que ti non sabes como son os da U” non fixeron campaña nas locais e mesmo algún segundo os rumores a fixo a favor da lista do PSOE.

Se nos cinguimos as novas dos media o máis parecido a un proxecto alternativo é o dos Irmandiños, volcados nunha especie de “perroflautismo” que non é máis que o mesmo da U porén acaído os novos tempos e moi enfadado porque os da U gañan as Asembleas.

Pola contra cando falei cos da U estes si estaban organizados, e contaban/contan cun proxecto claro: o dos anos 70. Vamos reseso de todo. Ademais claro de estar fartos de que os demais lles boten a culpa de todo, cando a hora da verdade son eles cando acaban facendo todo o traballo.

E así estamos desde o 2001. Polo tanto eu non espero nada da Asemblea. Sobre todo porque non vai pasar o que eu considero clave: distinguir entre os problemas do nacionalismo e os da estrutura do BNG.

Do primeiro, alén de que está claro que nacionalistas hai poucos e que a maioría dos votantes do BNG son de esquerdas e non nacionalistas pouco máis podo dicir. Precísanse mentes máis brillantes ca miña para tentar atopar solución.

Respecto o segundo para min a solución sería unha refundaición de verdade: deixarse de caralladas resesas e “perroflautas”e partir de 0. Desde a UPG aos Irmandiños todos os partidos e correntes de opinión deberían disolverse e integrarse nun BNG que, agora si, fose un partido. Recoñecer que ó ser un partido de esquerdas é imposible que sexa a casa común do nacionalismo e polo tanto tender a man, de xeito simbólico, a que alguén faga un partido forte que sume pola dereita. Deixar o proceso Asembleario que so serve para unha eterna guerra de puñaladas polas costas e para atrasar a toma de decisións nun contexto, o da democracia mediatica na que vivimos, que precisa golpes de efecto e reaccións rápidas. E por último, e so por esta vez o tratarse dunha refundación, unhas primarias para escoller candidato a Xunta  e Voceiro. Primarias o estilo americano no que o primeiro paso sería agrandar o censo de participantes. Cunha campaña intensa e prolongada por cada vila do país, aberta a todos e con debates (a ver se así saía un proxecto) . Nin que dicir ten que non vai pasar nada do dito.

Entón podemos augurar calquera destas cousas:
A U gaña coma sempre e os outros seguen co de “ti non sabes como é a U”, porque marchar non van marchar.
Gañan os outros e invértense os papeis coa U adicándose a torpedear canto fagan os novos. (Por certo, para min estaría perfectamente lexitimada tendo en conta o que leva aguantado desde o 2001)
Gaña a U e os outros por fin liscan. Para min o mellor resultado posible. Desde o 2001 mantense a unidade como un fin en vez de como un medio. O obxectivo ter máis vixiados os inimigos. Igual o romper uns e outros pensan nalgo máis que nas siglas e nas persoas e sacan un proxecto que mereza a pena.



Tamén en Galizauberalles

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Economía e Chorima

Hoxe toca anuncios, primeiro David Peon informa sobre as consecuencias económicas dos recortes, despois Converxencia XXI informa do nacemento da súa revista: Chorima.
"As distintas políticas económicas aplicadas en USA e na UE comezan a dar os seus froitos: Estados Unidos reduce a taxa de desemprego do 10% ao 8,5% mentras a zona Euro sube ata o 10,3% a finais de 2011, cun crecemento económico 3 puntos acumulados por detrás dos USA.

E mentras as políticas europeas centradas na consolidación fiscal non conseguen os froitos desexados, a política expansiva americana si está a conseguir o desapancamento do sector privado da economía. Ata cando durará o noso particular zeitgeist?

Ligazón ao artigo: Zeitgeist (II)."
"Estimado/a simpatizante:

Dende Converxencia XXI achegámosche a nosa última iniciativa para mantervos informados das actividades e opinións que estamos a desenvolver. O primeiro número da Revista Chorima, onde informaremosvos das nosas actividades recentes, iniciativas de Converxencia XXI, artigos e entrevistas a persoeiros destacados.

Aproveitamos esta ocasión para convidarte a que te unas á nosa cada día maior familia converxente. Podes atopar información na nosa web, e para ser converxente, só tes que enviarnos a este mesmo enderezo eletrónico o documento seguinte cos teus datos: http://www.converxencia.eu/wp-content/uploads/2011/04/ficha-de-afiliacion-2011.pdf

Agardámos que te animes a unirte ao noso proxecto para facer unha Galicia máis próspera e mellor!!"



Tamén en Galizauberalles

martes, 24 de xaneiro de 2012

Sobre o que implica a Audiencia Nacional

Mentres a progresía racha as vestiduras polo de Garzón, a quen simplemente se lle esta a aplicar a xustiza de excepción que el mesmo puxo en pé, as verdadeiras implicacións da Audiencia Nacional e as leis paridas para maior gloria desta, como a Lei Antiterrorista, continuan pasando desapercibidas.  Reproduzo unha anotación de Ferradura en tránsito onde quedan claras as devanditas implicacións.
 
 " Por iso esta Ferradura, hoxe, se fai voceira desa situación e incorpora as palabras do pai de Antom Santos. Léana, favor, con calma e indignación. Vai:
Crueldade, impotencia
Se copio do dicionario Ir Indo a definición do adxectivo cruel, sae isto: Que se comprace en
facer sufrir ou en ver como sofren os demais. O Estraviz explícame que é cruel quen é “capaz de
fazer padecer a outros ou de ver que padecem sem se comover”. E o dicionario da real Academia
Galega (permítaseme escribir real con minúscula, como seica o facía o noso grande poeta Curros)
dime: Que fai sufrir sen sentir pena por iso ou mesmo compracéndose.
                            Non sei se os responsábeis do funcionamento do sistema penitenciario acadan para si o compoñente de sadismo que inclúe algunha destas descricións da palabra cruel. O que semella
evidente é que regularon o seu lerio para facer sufrir a quen está preso, mais non só. Para facer que padeza o entorno familiar e social de quen estea encadeado. E os feitos confirman que moito mellor canto maior sexa a intensidade do sufrimento.
                                 A miña experiencia de relación con este sistema é recente. Comeza coa detención do meu fillo Antom Santos o 2 de decembro de 2011, en Lugo, acusado de non se sabe que. Polo que coñezo da súa declaración perante un xuíz do tribunal que substitúe ao famoso e franquista Tribunal de Orden Público, a xa non menos famosa Audencia Nacional, el declarouse, sen dubidalo, independentista galego, e negou ter relación con ningún feito penado pola lexislación española vixente. O xuíz decretou secreto de sumario, e ordenou ao mesmo tempo o seu inmediato ingreso en prisión.
                                         Aplicáronlle a Lei Antiterrorista, contestada, como é sabido, por Amnistía Internacional. Permaneceu incomunicado ata o 5 de decembro, cando o levaron á Audiencia. Seguiu sen contacto co exterior ata o 9, día no que lle permitiron facer unha chamada á casa, de 45 segundos, desde a Prisión de Aranjuez, onde ingresou despois de pasar uns días na de Soto del Real. Repare o lector, a lectora, de que falamos de máis de seis días sen que o preso se poida poñer en contacto con ninguén. Onde fican os dereitos humanos máis elementais?, os que con frecuencia invocan as persoas con poder nestes eidos, onde se vende, con técnicas semellantes ás da venda de aspiradoras, unha modélica organización política, a democrática civilización occidental.
                              Despois veñen máis atrancos. Disfrazadas de burocracia, pedras no camiño de familiares e de todas as persoas do seu entorno, para que o secuestro legal, o illamento do preso, sexa o máis efectivo posible. A arañeira de Kafka, como toda (re)creación da imaxinación humana, queda moi curta á beira da realidade cruel que constrúe o sistema. Ata o día 18 de decembro, ata os quince días ben cumpridos desde a detención, non lles é posible, a súa nai e a seu pai, velo. E canto custa chegar ao Centro Penitenciario Madrid VI de Aranjuez! Non se está a falar dos 650 quilómetros de distancia que cómpre percorrer, e mais os outros tantos da volta. Moito máis difícil que guiar o coche por Castela adiante, en inverno, entre brétemas intensas e xeadas, contra reloxo para atender as obrigas laborais, pois as visitas están marcadas para as sete e media da tarde dos domingos, moito máis difícil é peneirar a confusa e contraditoria información que se fornece desde as cadeas.
                                           Vai pasando o tempo, e ao preso, como se dixo, aínda non pode visitalo ninguén diferente de seus pais, que se achegaron a onda el en todas as ocasións que puideron. Ademais do duro sistema carcerario, que mesmo raciona os libros (só permiten retirar tres por semana da biblioteca), dos máis de quince días que tarda en recibir unha carta, sempre que non a devolvan cun pretexto, e poderíanse enumerar en longa restra outros exemplos de represión, ademais diso, aínda hoxe, 18 de xaneiro, non pode o preso poñerse en contacto por teléfono con ninguén. Impídenllo atrancos burocráticos que non somos quen de desbloquear.
                                     Impotencia, si, é o estado de ánimo que te anega. Pero cómpre seguir a furar con constancia, para ir abrindo buratos neste muro carcerario.
Para rematar, algo que un entende como obvio: a inequívoca solidariedade coas persoas que
están na mesma situación. Porque hai máis presos e presas, aquí, onde o mundo se chama Galicia, e tamén fóra dela. E, por asociación de ideas, chega agora á punta dos meus dedos esoutra palabra: Capital, Kapital (o adxectivo que lle acae medra, rotundo, nun poema de Chus Pato)
Xosé Luís Santos Cabanas"

Tamén en Galizauberalles

venres, 20 de xaneiro de 2012

Primarias

Unha das cousas máis simpáticas das teimas progresistas no vello continente é abominar de todo o americano para despois copialas veñan ou non a conto. A copia favorita nos últimos tempos é o das primarias. Claro que o resultado sempre resulta catastrófico polo mero feito de que as primarias en Europa non teñen sentido. Para entender porque hai que ver que son as primarias en USA.
As primarias son unha das múltiples reminiscencias que quedan no sistema político usaco de cando non eran unha democracia senón un sistema liberal. Nese contexto de pensamento político liberal e non democrático encaixan  feitos como o complexo sistema de elección presidencial ou que os dous partidos, por moito que se empeñen as progresías europeas, teñan a mesma base ideolóxica. Isto debese a que nas 13 colonias orixinais non houbo que desmantelar o Antigo Réxime, por non existir, co que as tendencias políticas eran mais practicas ca teóricas. Debían debater sobre como organizar o poder non sobre as bases deste. Debido a isto, ata o día de hoxe, os partidos políticos americanos son meras plataformas electorais cuxa finalidade é facilitar o proceso electoral e non presentar unha argumentación ideolóxica de cómo debe ser o poder. Así os demócratas do sur poden ser moito máis conservadores ca os republicanos da costa leste e ao mesmo tempo estar en partidos distintos.
As primarias son o corolario lóxico do anterior. Nun país recen creado e con distancias enormes, pensemos que estamos no XVIII, o único xeito de que os candidatos fosen coñecidos era estruturar un sistema que os obrigase a percorrer o país para gañar apoios. E iso son as primarias. Co tempo quedou o asunto englobado dentro dos partidos. Partidos que comezan a existir de xeito activo co proceso en cuestión. Así as primarias serven para mobilizar o electorado no senso máis literal: conseguir que se inscriban no censo. Lembremos que o censo electoral USA é distinto do administrativo. Para figurar no censo electoral hai que inscribirse nel. As primarias buscan crear un censo favorable e convencer a xente de que finalmente faga o esforzo de ir votar o martes que toca.
Por outro lado os candidatos non so se dan a coñecer senón que van perfilando as súas propostas. Algo moi útil dado que a diferenza dos partidos europeos nos que se sabe mais ou menos o que defende cada un, en USA todo depende do candidato.  Pese a todo co paso do tempo a pureza orixinal foise diluíndo porque as campañas custan millóns e os intereses en xogo son moitos. Isto fai que na medida do posible se busque clarificar e acurtar o proceso para non favorecer o rival e aforrar custos. É dicir evitar o risco de división do partido que pode facer que os derrotados queden na casa ou voten o outro partido o ser derrotado o seu candidato nas primarias. De aí os apuros demócratas no 2008 o non chegarse a un acordo Clinton-Obama, e teimar ámbolos dous en pelexar ata o final.
E precisamente este ultimo punto o que nos permite enlazar coas primarias europeas. Os partidos europeos teñen unha base ideolóxica  clara que fai que o programa estea claro desde o comezo e non dependa dos asuntos do candidato. Ergo o único que logran as primarias e debilitar o potencial electoral do partido dado que as diferenzas van acabar sendo persoais caéndose na división do electorado. Sobre todo porque as primarias non son tan abertas como as USA dado que o factor de elaboración do censo electoral non existe. De aí que as experiencias europeas ata o momento resulten fallidas. Quere dicir isto que é imposible traspasar o modelo? De xeito literal claro que si a non ser momentos excepcionais de crise absoluta e refundación desde cero do partido. Non sendo así a única opción sería unha reflexión seria que permita cambiar o modelo. Se se quere claro. A min persoalmente non me gusta o proceso americano así que tampouco vou dar ideas.
Tamén en Galizauberalles

martes, 17 de xaneiro de 2012

Dicionario

Chegan novos tempos. Hai que adaptarse. Para encaixar mellor no próximo escenario, é imprescindible saber idiomas. Este blogue comeza aquí unha nova serie de entradas, abertas e ampliables, para entender a neolingua do futuro que xa está aquí.

Empezamos cunha lista de sinxelas expresións habituais traducidas do galego ao neoliberal. Moitas xa lle resultarán familiares: popularizáronse estes días, outras importáronse hai anos. Aí van:

Non diga “recesión”, diga “crecemento negativo”.
Non diga “recorte”, diga “aforro”.
Non diga “traballo”, diga “emprego”.
Non diga “patronal”, diga “organización empresarial”.
Aínda que é mellor que non diga “empresario”, diga “emprendedor”.
Non diga “garantido con fondos públicos”, diga “subvencionado”.
Non diga “privatizar”, diga “profesionalizar a xestión”.
Non diga “universal e gratuíto”, diga “café para todos”.
Non diga “servizo público”, diga “gasto”.
Non diga “fiscalidade regresiva”, diga “aforro para as familias”.
Non diga “abaratar o despedimento”, diga “facilitar a contratación”.
Non diga “convenio colectivo”, diga “rixidez nas relacións laborais”.
Non diga “os beneficios da banca”, diga “a tranquilidade dos mercados”.
Non diga que “o noso poder adquisitivo estivo por baixo das nosas necesidades”, diga que “vivimos por encima das nosas posibilidades”.
Non diga “universidade”, diga “viveiro adaptado ás necesidades do mercado laboral”.
Lembre que sindicatos e funcionarios non teñen “dereitos”, teñen “privilexios”.
E mentalícese; vostede non é “pobre”, é “clase media”.
Tampouco é “cidadán”, é “cliente”, “consumidor” ou “usuario”.
E non diga “foderse”, diga “adaptarse”.
A lingua neoliberal comparte raíces co idioma neocón. Tamén lle convén coñecer algunhas expresións coloquiais do neocón.
Non diga “violencia machista”, diga “violencia na contorna familiar”.
Ou substitúa “colexio privado”, por “centro educativo de libre elección”.
Este glosario irá medrando coas súas achegas. Moitas grazas.


mércores, 11 de xaneiro de 2012

Facebook e Patrimonio

Hoxe anunciamos que creamos un muro no facebook, con nome falso como este blogue, para tentar ter mais o día os lectores de cando actualizamos.
Alcume: Jaime Lancaster,  http://www.facebook.com/profile.php?id=100003315926599&sk=wall

E informamos sobre unha páxina clave para preservar o patrimonio galego:
http://patrimoniogalego.net/
por certo se ides a sección sobre medios de comunicación a ver se sabedes que xornal non dixo nada?

Tamén en Galizauberalles

martes, 10 de xaneiro de 2012

SOBRE ZAPATERO. IN MEMORIAM

Voltamos tal e como dixemos, a Deus grazas e a San Patricio tamén.  Comezamos cunha anotación de Xopau, pensada para o pot 20N, porén segue sendo valida, pese o adiamento na publicación. Sen máis deixovos con Xopau:

"Ter militancia política activa permite algunhas veces cousas que doutro xeito non se poderían facer. É moito máis fácil para unha persoa significada politicamente falar ben doutra da oposición que para a maioría dos votantes. Eu  nunca fun socialista nin apoiei a Zapatero pero moitos dos que onte foron ás urnas a tombar o seu partido si creron nel  e por iso hoxe teñen un especie de silencio moral sobre as súas cabezas.

Desde a óptica nacionalista vaise o único presidente do goberno de España que creo que chegou a entender as reivindicacións históricas de certas comunidades e que representou a un PSOE verdadeiramente con vocación federal. Só desde esta óptica se entende en todo o seu conxunto a entrega das armas por parte de ETA ou a experiencia do tripartito en Cataluña. Tamén se entende así a saída de Paco Vázquez para o Vaticano co fin de propiciar un bipartito en Galiza que non estivese permanentemente minado polas opinións dun personaxe tamaño. É certo que en Euskadi o PSOE se aliou co PP pero ese paso tamén era alí necesario se se quería que logo chegasen outros. Para un nacionalista son actos insuficientes pero que marcan distancia con respecto aos anteriores presidentes de goberno e moito me temo que marcarán abismos cos que están por chegar.

Os amigos do simbólico débenlle un acto sen precedentes na democracia española: o cumprimento da súa promesa electoral de retirar as tropas de Iraq con todo o que iso supuxo. É un acto de autoridade do Estado Español que nunca fará o PP por moito que presuma de nacionalista español e de defender os intereses patrios. O patriotismo do PP é tan pobre e chabacano que coma o de toda a dereita española de sempre remata en Euskal-Herria e en Catalunya. É un patriotismo de charanga e pandeireta, de zarzuela e chotís, de señorito andaluz vido a menos…
Nunca fun, por outro lado, grande defensor de facer unha política baseada en exclusiva nos dereitos civís, cousa que non quere dicir que non me parezan importantes. Semella triste que un presidente dos EEUU gañe as eleccións cun programa que se basea nun 50% no feito de ser negro, o mesmo sucedía con Hillary Clinton cando competiu  na carreira á Casa Branca empregando o argumento de ser muller. Non en tanto, e se un se move por internet, parece que a maioría da xente nova de esquerdas entende esta ideoloxía só coma feitos deste tipo. É dicir pesa o feito de ser muller, gay, non andar en coche oficial, baixarse o soldo e cousas así. Non chego a entender os odios a Zapatero de xente deste teor despois da Lei do Aborto, da Lei que regula o matrimonio entres persoas do mesmo sexo e tantos outros feitos simbólicos que desenvolveu e que foron moitas veces proporcionais aos problemas estruturais do seu goberno.

Sobre a crise que o tombou fixo os xestos que faría calquera gobernante nun primeiro momento. Cando se di que negou a crise o que non se explica é que o sistema capitalista e o que mellor o encarna, a Bolsa, móvense por algo tan lene e variable como a confianza. Se Zapatero dixese que o país ía entrar en recesión a cousa adiantaríase pero isto non indica que se fose a saír antes nin que a crise actuase con menos virulencia.
En fin, Zapatero foi mal presidente por moitas outras cousas: permitir que a Unión Europea e os mercados afogasen a autoridade dos gobernos, deixar seguir medrando a especulación urbanística, non converter a España nun estado Federal, banalizar coas ministras na revista Vogue, usar os dereitos civís para encubrir os seus erros de xestión, non colocar as linguas do Estado como intocables nos territorios onde se falan, modificar a constitución conchabándose co PP e facer unas campañas baseadas en marketing puro e duro (aquilo de ZP).

Agora ben, ninguén dos que non votaron socialista o 20-N lle pediron nunca nada diso e ademais sempre estiveron en contra de medidas dese tipo, tamén hai catro anos cando lle deron a maioría. Por iso eu teño o beneficio da crítica e eles non. Por iso eles non foron votar o Domingo optando por esconderse nas casas e pola abstención e por iso, ao fin, o BNG nunca rendabiliza os votos socialistas que se perden. É o mesmo que dicir que moitos votantes socialistas de Galiza son infinitamente peores que Zapatero para a nosa nación. Noxo me dá cando me din que con eles nos temos que aliar.

Coa caída de Rodríguez Zapatero volta o PSOE máis cerril, centralista e xacobino ,como  de feito xa se viu na campaña. É un PSOE que en Galiza e nalgúns concellos da Mariña coñecemos ben.Ese PSOE que durante os próximos dous ou tres anos vai firmar co PP, por falso patriotismo, todas as medidas que este adopte  e que nos devolverán territorialmente ao nivel competencial dos anos 80. Medidas, fique claro, que nadan teñen que ver coa solución da crise pero que van ir no lote.

Eu nunca fun de ZP e por iso dixen."