xoves, 25 de marzo de 2010

De malvados nacionalistas e libros de texto

Unha das cousas que me leva fascinado desde que comecei a ler xornais ala polo 1993 é o da sempiterna cantinela dos medios da dereita mediatica respecto os "nacionalismo periféricos" : Mais concretamente o feito de que manipulan e distorsionan a Historia, como se iso fose algo privativo deles e non a tónica xeral dos nacionalismos o longo e largo do mundo. Aínda lembro o ABC chamándolle a Fraga nacionalista radical. 

Nesa presunta manipulación dos malvados periféricos o ensino da historia ocupa un lugar preferente pois: lembremos que o nacionalismo español non minte nin manipula so di a verdade como na afirmación: Atapuerca, España!, o falar do homo antecesor e configuralo como o primeiro español.

Naqueles anos nos que eu disfrutaba da Pax Fraguiana como alumno de instituto primeiro e universitario despois sempre ría  a cachón cando incluían a Fraga no mesmo saco que a Pujol ou Arzalluz. Sobretodo porque no tema da historia os libros de texto en Galiza incluían con sorte unha páxina ou un paragrafo sobre a historia de aquí. Páxina ou paragrafo que acostumaban a estar o final do capitulo de cada tema e que nunca se daban debido a "la falta de tiempo".

Co aínda mais malvado bipartito, no 2005, tocoume voltar o instituto desta vez como profesor encargado de "falsificar la verdadera historia y llenar la mente de los niños de cosas que no existieron nunca salvo en la mente enferma de los nacionalistas"  (Pedro J ou Jimenez Losantos dixit, que non lembro cal dos dous a soltou nin gañas teño de miralo). Cal foi a miña sorpresa o ver que os libros de texto seguían a ter unha páxina ou capitulo o final de xeralidades infantís sobre Galicia (non cambio de termo é que o nome dos capítulos é Galicia). Visto que todo seguía igual so me quedaba saber se o de "la falta de tiempo" continuaba igual. Nese curso 2005/2006 no que fun chimpando dun sitio a outro como substituto, e grazas o programa de gratuidade dos libros de texto que permite ver que fixeron o ano anterior, puiden ver que mais ou menos a cousa seguía igual. Desde entón primeiro como interino e despois xa como funcionario continuei chimpando e vendo como o apartado de Galicia sempre aparecía nos libros riscado ou marcado cun gran No entra. Cousa que tendo en conta que eu si a dou e a amplío dada a súa irrelevancia natural no libro de texto contribúe a miña popularidade alí por onde vou. Por certo no curso 2006/2007 vin o libro equivalente, neste caso de Xeografía, de Castela e León: era da mesma editorial e dos mesmos autores e non tiña unha páxina senón un tema enteiro adicado a Castela e León para cada eido especifico.

O cal nos leva a outro tema interesante o galego dos libros de texto e como se escollen. Nun artigo de Vieiros xa se falaba do pésimo galego dos libros de texto e aventuraba que os tradutores eran inexpertos. Disinto, os tradutores son tradutores automáticos, así nos libros de historia e xeografía so existe o termo xeneral:
 Definición RAG
xeneral s. Mil. Xefe militar de máis alto grao no exército de terra ou do aire. Ascendeu de coronel a xeneral. s Xeneral de brigada. Militar de grao inferior no xeneralato. / Xeneral de división. Xefe militar de grao intermedio entre o de tenente xeneral e o de xeneral de brigada.
 Definición Digalego:
s BÉL Oficial de máis alto grao na xerarquía militar, nos exércitos de terra e aire. RELIX Xefe dunha orde ou congregación relixiosa.
Cando na meirande parte dos casos debería ser xeral:
Definición RAG
xeral adx. 1. Que se refire ó conxunto de individuos, de casos, de detalles, etc., e non a cada un en particular. Dáme a túa opinión xeral sobre o asunto. Cultura xeral. ANT. particular. 2. Que afecta á maioría ou á totalidade dunha colectividade. Un asunto de interese xeral. SIN. común.Convocaron unha asemblea xeral para o venres. O profesor deu aprobado xeral. 3. Que abarca o conxunto dunha organización, dun servizo, etc. A Dirección Xeral de Política Lingüística depende da Consellería de Educación. s En xeral.En conxunto, sen pararse nun elemento en particular. En xeral, a xente sabe o que quere. Falo en xeral e non de ti.
 Definición Digalego:
Que se refire a un conxunto de cousas, individuos ou feito
Que afecta maioritariamente a unha comunidade
Que abarca o conxunto dunha organización ou dun servizo
Que é frecuente ou usual

Porque a meirande parte dos libros de texto son traducións de edicións feitas para o resto do estado. E por que é así? Aquí é onde entramos na elección dos libros de texto.
Cando un pensa na necesidade de mais financiamento para os centros educativos case sempre lle ven a cabeza a idea de mais ordenadores. E os ordenadores están moi ben, porén nun centro publico precisase de todo. E como a administración sempre atopa escusas para pagar o menos posible o resultado é que se buscan fondos onde sexa. Isto implica que a elección de libros de texto teña moito mais que ver coas vantaxes económicas que poida outorgar a editorial que co libro en si. Por outra banda hai que ter en conta que o contido dos libros debe cumprir as esixencias da administración estatal e  a autonómica ergo non hai marxe para a creatividade da que falan na brunete mediatica, nin para ir en contra da meirande parte dos tópicos desfasados.

Polo tanto poñámonos nun centro calquera a hora de escoller os libros de texto. Faise a chamada de rigor as editoriais para que envíen as mostras correspondentes (e as ofertas económicas). As mostras chegan e o departamento reúnese para unha primeira peneira: aqueles que son rematadamente malos (algún hai así), os das tirrias persoais dos profesores etc. caen nesta primeira peneirada. Así normalmente os que se clasifican son os de Santillana e Anaya. Vicens Vives acostuma caer nesta primeira selección pois os seus libros "teñen demasiado contido para as esixencias actuais e falan demasiado de Cataluña e dos cataláns". Os libros de editoriais galegas, por separado ou agrupadas no Consorcio segundo a edición, pasan a primeira fase mais que nada por non chamar a atención. Que por certo Anaya xoga con vantaxe pois presenta os seus libros e os de xerais. Unha vez chegado a este punto tentarase chegar a un acordo entre os membros do departamento para darlle tódolos cursos a unha editorial ou repartir salomonicamente entre varias. Aquí si que xa hai so dous criterios: o que ofrecen (o mais importante) e a editorial favorita de cada quen. Ao final vai primar o primeiro salvo casos dunha vaca sagrada de departamento que conseguira a editorial que quere para a súa materia. Nesta fase os libros escritos directamente en galego caen si ou si na maioría dos casos o non poder igualar a oferta económica das grandes. Grandes que fan unha edición base para todo o estado e engaden/traducen o que sexa necesario. A min tocoume vivir un par destas eleccións: gañando unha Anaya porque nos ofrecía un canón proxector, varios mapas murais, os libros de texto necesarios para os profesores e outros para ter en reserva no departamento como material de consulta. Non era o mellor libro. O mellor era de A Nosa Terra. Non se chegou a falar coa editorial para ver que ofrecía: " No hombre no, como vamos a escoger un libro de A Nosa Terra. ¿Qué dirían los padres?" dixo o director do centro e verdadeiro factótum do departamento. No segundo caso chegouse a unha situación de compromiso: Santillana polo que daba e SM porque era o que quería o profesor para a súa materia. Neste caso os libros das editoriais galegas caeron con razón porque era moi malos. En fin a preocupación mostrada por se  van traducir os libros do galego o castelán e os conflitos de dereitos de autor e vana.
Espero que co anterior se teña algo mais claro porque o galego dos libros de texto é como é e como funcionan as cousas no apaixonante sistema educativo galego.
Tamén en Galizauberalles

martes, 23 de marzo de 2010

Dous avisos.

En primeiro lugar comunicar que o vindeiro Xoves 25 hai convocada unha manifestación pola: Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo. Esta manifestación saíra as 20 horas da Vía Norte.
E en segundo lugar a sentenza sobre o caso Arteijo (1,2), que corrixe algo semellante desfeita. Podese consultar aquí, en Vieiros.

Tamén en Galizauberalles

luns, 22 de marzo de 2010

A hora da verdade

Dada a miña tardanza en tratar o asunto do proxecto_decreto_plurilinguismo teño un bo feixe de ligazóns sobre o asunto. Porén o final decidin centrarme so nos seguintes:  o de Fermin Bouza, o de Anton Baamonde,e o de Ferradura en transito. Desde o noso lado e desde o outro nas palabras do Ponselleiro, do martir, e da señora esa.

Ben e que podo aportar eu? Pouca cousa. O decreto novo (a falta de ser o definitivo) mellora o anterior na forma sen cambialo para nada no fondo. Este cambio de faciana pretende seguir incidindo no caracter radical e impositor dos que o combaten. Non hai mais que ler o Ponselleiro e o martir, que menten coma cabróns que son e agachan outras cousas. De feito aí esta a súa perigosidadade mediatica, mentres a practica residen en dúas palabras e un feito: xeral, predominante e que os escolares teñan libros en castelán se lles peta. Porque por moito que leo o decreto os termos xeral e predominante (combinados coas familias) dame a posibilidade (legal ou alegal) de que haxa centros onde todo vaia en castelán e listo. O dos libros é o mais grave, pois eu que nunca obriguei a falar/escribir en galego a ninguen pese a que a miña materia é das que se dan en galego dou fe que os rapaces non mutaron e por economia se o libro esta en galego = galego nos exames e preguntas en galego sobre a materia asi falen entre eles en castelán. Como todo o mundo o sabe de aí a teima en darlles liberdade oral, escrita e de libro.

A perigosidade mediatica radica en que sobre o papel parece equilibrado. Ergo moitos dos que se subiron o carro da lingua recentemente, mentres botan pestes contra os nacionalistas que poderína trabucarse porén sempre estiveron aí, van baixar en aras do equilibrio e do consenso. O que faga o PSdG e o seu entorno vai ser clave.

Esta é a hora da verdade por:
- o decreto vai saír si ou si.
- vai haber que artellar a supervivencia da lingua coa escola en contra coma nos vellos tempos.
- e veremos cantos quedamos o final nesta trincheira, se os que sempre estivemos ou alguen mais.

Tamén en Galizauberalles

mércores, 17 de marzo de 2010

Feliz día de San Patricio!

A todos os que estudamos en Santiago o día de San Patricio fainos un tilín especial. Para moitos era unha escusa mais para ir de chea. Para outros, perturbados nacionalistas coma min, era un día para ademais de ir de chea brindar polos irlandeses e cagarnos nos ingleses publicamente tanto para festexar a illa esmeralda como para evitar suspicacias nos sitios onde íamos. Calquera lector avispado pode deducir doadamente que irlandeses e ingleses servían como tapadeira do que queríamos dicir realmente. Ademais claro esta, dese cariño especial que desde o galeguismo histórico ata hoxe, desperta entre nos unha nación capaz de diagnosticar os seus problemas e poñerse a solucionalos por todos os medios.

A que ven isto. Pois que cando me tocou revisar o arquivo do blogue para enlazar datos da desfeita do ano pasado coa análise do primeiro aniversario da mesma dinme conta que a primeira anotación do blogue foi un 17 de marzo, día de San Patricio, ou sexa que hoxe fai un ano da apertura deste sitio. Feito que aproveito para por o blogue baixo a protección do santo irlandés e para cumprir esa tradición dos blogues de facer análise do ano.

- En primeiro lugar dicir que non estou contento. Sei que o habitual nestes casos é comezar dicindo o feliz que te fai o proxecto en cuestión, como che deu un montón de alegrías e como pensas seguir adiante. Porén no meu caso non é certo. Este blogue naceu como medida terapéutica para superar a desesperación da desfeita. Cumpriu o seu obxectivo pasando ,eu, do baixón anímico o mero baixón intelectual. Agora ben non estou contento nin poderei estalo mentres a desfeita continúe. E este ano de blogue non parou de traer novas desfeitas.

- Agora tocaría presumir do grande número de visitas, do número de anotacións, e de cal foi a mais visitada.
De visitas non podo presumir en canto a número. Creo que si en canto a fidelidade (8 é a media diaria). A todos grazas, e especialmente a Caralladas e Duar os mais asiduos dos que non coñezo persoalmente (os que si grazas tamén porén podemos debater diante dun café).
Respecto o número de anotacións ata hoxe hai 157, 158 con esta, algo doado tendo en conta que a meirande parte delas son comunicados, anuncios e pegado de ligazóns. A máis visitada foi a editorial de "La Vanguardia" con 35 visitas. E ten truco, pois "La Vanguardia" detecta quen liga as súas novas e lígaas a súa vez co cal chegou un montón de xente desde alí. Respecto a que anotación estou mais orgulloso, a entrevista a Antón Losada, mais que nada porque se dignou contestar a diferenza doutras que lancei pola internet.

- Por último tocan as perspectivas de futuro.
Cumprida a función principal de erguerme o animo non sei moi ben se continuar ou non. A fin de contas se isto fose un medio de pago habería que considerar o peche, o cambio de liña editorial ou a fusión con outro medio. De momento e ata fin de tempada, en Xuño, imos seguir abertos. E a liña editorial non vai cambiar.
Un saúdo a todos e Feliz día de San Patricio!



P.D: e si estamos informados do decretazo bis, porén  iso vai o venres ou o luns.
Tamén en Galizauberalles

venres, 12 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE. (final)



"Pasemos aos traballadores. Neste tema fóra as visións paternofiliais e sindicais. Nun país coma Galiza sen apenas inmigración, con algunhas zonas onde hai traballo, cun certo apoio das casas mantendo unha estrutura familiar tradicional, non se pode permitir que a xente continúe a comportarse como na Inglaterra decimonónica sen abrir a boca, con auténticas pelexas por facer horas extras, colaborando na explotación e na degradación máis absoluta. Neste sentido gustaríame saber que fixo a xente nos últimos e esplendorosos anos de puxanza económica para intentar blindar os seus postos de traballo e as súas condicións laborais. Maiormente nada ou mellor dito poñer a man para recoller sobres a final de mes ben cargados de diñeiro e que moitas veces se restregaban ao veciño formado que tiñan máis perto.

Unha persoa á que o sistema educativo ofreceu un agrupamento, logo un programa de diversificación, logo un exame ridículo para ingresar nun módulo de FP e os rexeitou todos, merece que algún organismo se siga interesando por el?

Un operario que leva vinte anos sen un cursiño de formación nen de reciclaxe está en condicións de demandar algo?

Un operario que manda o seu curriculum nun radio de acción da súa casa de vinte quilómetros mentres a xente con formación bota media vida peregrinando ata que se pode asentar, merece ter un traballo digno?

Por último, o funcionariado. Pois estamos coma o proletariado, pero con menos horas. Asentados, con pouca formación real, e cun índice de produtividade baixísimo (por certo, se a produtividade é baixa, alguén sabe por que hai problemas de paro?). O único bon é que como man de obra cualificada somos irrisoriamente baratos (tiven unha discusión con alguén sobre isto fai pouco). Chega con ver as condicións dun médico aquí ou en Portugal. Evidentemente, e por moito que lle doa á clase política, os chiringuitos de non funcionarios hai que pechalos. Dan moitos votos (a nós non…vaia por Deus, que gustar gustábannos) pero hai que pechalos ou meter a xente que realmente sexa necesaria no funcionariado e con oposición seria.

Solucións

Non pensarán por un momento que teño a solución, verdade? Non, está claro. Mais vexo que os discursos se atarabelan entre o máis próximo e tendencioso e as grandes frases sen concreción. Algunha idea que fique no medio debo ter:

a. Xa foi dito: o primeiro, multiplicar os mecanismos de control e poñer a funcionar os que xa hai. Isto chámase convocar oposicións a determinados organismos deses que a xente non quere nin oir nomear. Isto xa saiu no Blogue co de Anasagasti.

b. Aliarse coa patronal no tratamento que esta pretende dar ao lumpen ao mesmo tempo que se arrincan condicións favorábeis reais para a man de obra cualificada. Ao mesmo tempo artellarase un sistema de bolsas para que calquer traballador poida cada dez anos disfrutar dun de formación co fin de sair dese lumpen. O ensino nocturno e o achegamento das clases traballadoras ás escolas de idiomas, escolas de FP, etc ten que facerse xa. É anacrónico nun país europeo seguir dividindo a vida en periodo de formación e periodo laboral.

Por outro lado os módulos de FP teñen que seguir un principio de territorialidade e axustarse á demanda laboral dos lugares nos que están instalados.

c. O Estado ten que ceder parte da formación ás empresas, e que estas poidan expedir titulacións como ocorre en Franza e noutros países europeos.

d. Mentres a FP continúe a ser o refuxio dos fracasados dun sistema educativo feblísimo nas súas esixencias, seguirá sendo un desastre. Tanto a FP como a xente que forme. Isto é coñecido polo empresariado, que tratará esa man de obra en concordancia con isto.

e. As institucións deben facer un esforzo na formación do consumidor. Realmente as xeracións novas deste país parecen xentiña do Bloque Soviético: compradores compulsivos que están comezando a disfrutar do capitalismo

f. Por desgraza en Galiza hai un problema xusto á inversa do anterior. Como vamos a convertir en compradores a unha terceira parte do país que continúa, practicamente, na economía de subsistencia?. Cunha risa nos beizos sempre digo que se os vellos gastasen os seus cartos de repente, este país poñíase por diante das grandes potencias mundiais.

g. Hai que intentar ter un sector servicios cada vez máis diversificado, e para iso é necesario crearlle outras necesidades á xente para alén de coche e casa, que é onde se vai o 90% do diñeiro dunha gran parte dos galegos. Vese que non son comunista, claro.

h. Coas autovías rematadas, temos que comezar a ver Galiza como cidade global e funcionar coma tal á hora de buscar traballo.

i. O diñeiro de pechar os chiringuitos ten que ser destinado integramente á ciencia e a traer toda a xente que tivo que marchar deste país no campo da investigación.

l. Se os emigrantes teñen que esperar para cumprir o punto i, que esperen, que xa levan fóra tempo.

m. Hai que dicir a verdade do que vai pasar cos sectores produtivos dunha santa vez, e saber que tanto por cento da poboación pode vivir (non malvivir) disto. Isto é pedir unha análise económica seria e pagala.

n. Relacionado co turismo, estamos ficando fóra dun gran momento da cociña no Estado, e por desgraza a paletada dos restaurante PP cocedeiros de marisco aínda non rematou. Vai sendo moita hora de que remate.

Hai que dinamitar o que está construído fóra da lei e con rapidez, maiormente na zona costeira. A Estación de esqui en Penatrevinca é dunha necesidade incontestable e os ecoloxistas que se encadeen se queren. As axudas para pintar casas, restaurar e poñer vexetación que peche os desastres deben ser continuas e obrigadas.

ñ. Nen unha soa axuda ao turismo de comprar un piso aquí. A meirande parte das construtoras foron e son de fóra, e ese turismo só frecuenta as sardiñadas gratis.

o. Cargar contra o Xacobeo só se lle ocurre aos esquerdosos enfermos. Grazas a el somos coñecidos en Europa, e é das poucas veces que chega alguén que non sexa o madrileño de turno.

Son unhas poucas ideas que considero reais e de fácil execución e que sen dúbida podían ter consecuencias ben positivas para o noso país.

E as caixas???

Ben, as caixas son un tema de tantos nos que a política quere suplantar a realidade… Se Caixa Galicia tivese invertido os seus activos doutro xeito… se Galiza tivese un potencial financeiro enorme…se, se, se…pero non; o que quere dicir que non poden absorber a ninguén e que serán absorbidas. Eu dáballas a La Caixa
que polo menos fode aos de Madrid.




Saúdos."

ENGADIDO: Rematei de etiquetar todas as colaboracións antigas en Galizauberalles. O clickar en Xopau e Heder, en Galizauberalles,  saen todas as colaboracións destes, incluidas as anteriores a pausa do verán.


xoves, 11 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE.

Mentres se suceden as novas económicas de máis distinto signo e con elas as analises (1, 2, 3, 4) Xopau envía a s3eguinte colaboración sobre economía:

" Poida que non haxa pior cousa que un home de letras metido a economista e sobretodo coa que está caíndo. Porén, por isto último é precisamente polo que moitos vamos ocupando unha parte cada vez máis importante do noso tempo en matinar na manida crise. Cercados pola multitude de datos e opinións, escasamente damos articulado un discurso coerente o que, con todo, non nos impide ollar a realidade cotiá e repensala á luz do que acontece. Son pois os que seguen xuízos sen valor científico pero que en canto parten da realidade terán que ser ou confirmados ou negados.

Moitos actores e difícil conxunción de todos eles. Irei debullando unha serie de reflexións e preguntas que creo se corresponden co que pensa unha parte importante do que poderiamos chamar a clase media  intelectual máis ou menios de esquerdas, máis ou menos nacionalista. Non se olvide o lector de que eu falo sempre dende a periferia da periferia, acó no Norte.

 Por orde cronóloxica de aparición en escena, e despois das folgas da semana pasada, poderiamos comezar cos sindicatos. Un obsevador foráneo creo que principiaría por preguntarse por que no Estado hai dous sindicatos se dan até as roldas de prensa xuntos. Todo parece indicar que se intenta ocultar o feito de que un sistema democrático europeo é tremendamente deficitario se o panorama sindical se reduce a unha única opción, porén esta é a realidade de facto que hai en España. Se ademais esta organización é vertical, pois moito pior, e non creo que un sindicato que con catro millóns de parados non convocou unha folga xeral poida merecer outro apelativo. Aquí vén un dos meus temas preferidos que se pode resumir como segue: neste Estado as partes incumplen manifestamente a tarefa para a que están creadas, e se isto sucede así o suposto diálogo é sempre falso pois carece de tensión. Non temos  un presidente do goberno dirixindo a UXT, pero todo chegará. O tan traído e levado diálogo social e esta pax permanente dos últimos anos non se corresponde coa realidade de moitos traballadores que todos coñecemos a cotío. Existe no Estado Español un desfase enorme entre a puxanza económica e a súa incidencia na mellora social. Despois de case quince anos de mellora económica ininterrumpida, a miña xeración segue, a nivel económico e de protección social, sendo deficitaria a respecto da de meus pais. Tamén é curioso que a patronal pida o mesmo en situación de crise que cando o Estado disfrutaba dun dos momentos de maior puxanza económica, ao igual ca os sindicatos, o que sen dúbida fala dunhas políticas fosilizadas e alonxadas das dinámicas económicas reais.

 Sigamos co papel da oposición e do goberno. En España o único pacto posible é o antiterrorista e o resto é sempre unha cortina de fume. Cando un goberno apela ao pacto é porque está perdido electoralmente, co que a oposición (a de verdade, isto é, a que o vai sustituir) é imposible que firme nada nesas circunstancias favorábeis. O pacto de ZP tiña que ter sido ao comezo da lexislatura e non agora. En canto ao PP, non ofertou absolutamente nada, nen o vai facer mentres as enquisas lle dean unha vitoria folgada. De conseguir gañar sen programa estariamos ante un goberno cun cheque en branco para catro anos e cun clima onde xa todo o mundo aceita que a recuperación pasa polo recorte social e polo recorte territorial (redución das competencias autonómicas baixo a trampa dunha suposta redución funcionarial). O debate sobre o cambio de modelo produtivo está xa case ausente, e son dos que opina que de darse seriamente pasaría por cousas tan desagradábeis para a xente coma a enerxía atómica, etc. A nivel galego o espectáculo non pode ser máis lamentable: un goberno que gañou as eleccións coa promesa demagóxica de solucionar a crise (cousa imposible) non artellou neste primeiro ano nen unha soa medida de calado económica. Evidentemente, e a risco de semellar teórico do Partido Popular, aquí cómpre unha reflexión sobre o papel das Autonomías e do Estado cando os seus gobernos non coinciden. O sistema, ou se artella federalmente e se botan adiante as competencias, ou permite un escudarse permanente no outro que non beneficia a nada nen a ninguén, salvo aos que se presentan ás eleccións. Neste senso son tremendamente gráficos algúns discursos de Xaime Pita ou de Feijoo dignos do mellor independentista de Euskal-Herria.

 O seguinte grupo que traerei a colación é o dos autónomos. Esa inmensa maioría nos países ricos, clase moitas veces de referencia social e que no caso galego presentan características que eu considero endémicas, aínda que a visión que através do cinema e da literatura teño do triunfador americano fai que encontre entre ambos enormes semellanzas. Sen dúbida o noso capitalismo tende por desgraza ao modelo anglosaxón e non ao renano. O principal problema que se presenta cunha gran parte dos autónomos é o da súa implicación e imbricación no sistema do Estado, e isto moitas veces vén derivado dunha formación intelectuial e empresarial pobrísima da meirande parte deles. Neste senso, a súa aspiración é a de estar fóra do sistema estatal, pero non no sentido neoliberal senón no sentido que poden ter as clases do rural. Que un señor como Adolfo Domínguez, que vive exclusivamente da clase media, poida pensar que a solución da crise pasa por medidas que o único que fan é reventar esa clase media só pode ser clasificado de patético. Igualmente patético é que xente que xa comeza a mover capitais máis ou menos considerábeis a nivel local non sexa capaz de ver as consecuencias que a macroeconomía e as políticas estatais e mundiais puideron ter sobre o seu negocio, e continúa a reducir todo á súa unívoca e inquebrantable vontade de traballo (fan excepción cos gobernos do PP pero maiormente renegan da política). A cousa, se se analiza en termos máis serios, trae consecuencias patética,s como que a única medida diversificadora do capital que coñece a meirande parte do empresariado galego é a inmobiliaria coas consecuencias que agora se ven, un depender permanente das xestorias, unha desconfianza xeral dos mecanismos macroeconómicos, subvencións, etc, que impiden a moitas empresas seguir medrando… Nun ton algo máis simpático poderiamos dicir que o pior foi para os fillos destes autónomos, a moitos dos cales non se lles deu opción nen de escoller carreira: dereitiños para Compostela facer Empresariais…

 Continuando con estes temas encontrámonos ademais cunha clase moi pouco flexible. A deflación nunca chega a Galiza, os pisos continúan sen baixar e hai unha sensación de que a idea é: “a crise págala ti”, isto é, a menos clientela, aumento de prezos en moitos sectores (non me vou encerillar co da inflación porque o que está claro e que non se corresponde co que o consumidor ve todos os días). Esta flexibilidade traerá moitos problemas a medio prazo coa xeralización das compras por Internet e a pouca pericia dos autónomos locais para competir en prezos, mantendo unhas marxes que permitiron levantar patrimonios dunha certa entidade nun tempo record partindo, por exemplo, dunha única zapataría.

 Relacionado co anterior poderiase falar dunha falta de creatividade sen parangón. Os rapaces do noso país montan bares e as rapazas peluquerías: no meu concello de 3000 habitantes, seis de mulleres e unha de homes…

 Nas vilas do noso país hai ademais unha sensación de que a burguesía non é tal senon máis ben unha continuidade da fidalguía caída no XIX. Son unha clase tremendamente estable que raramente se precipita á nada nunha xeración, o que fala de inversións moi pouco arriscadas e innovadoras. Probablemente o batacazo no sector inmobiliario que sofremos sexa o primeiro grande problema ao que se enfronta toda a burguesía galega, pois toda enfocou o seus capitais a eses sectores. As reflexións e posteriores feitos que se deduzan disto poden ser o movemento social máis interesante de seguir nos próximos anos.

 Sorprende asimesmo ver como as empresas que máis ou menos foron prosperando nos últimos anos non traduciron ningunha das súas melloras ao plano social, mantendo a xente en condicións de lumpen: sen vacacións, xornadas de máis de dez horas, sobres con diñeiro negro para pagar, contratos de prácticas perpetuados no tempo, etc. Non quixera deixar de notar que todo isto conta coa pasividade dos sindicatos, as inspeccións de traballo e facenda e a xestión eficaz das Asesorías deste país que se están chinando e son quen sustitúen en último termo a sindicatos e patronal. Cando falo fáigoo de prácticas xeralizadas en empresas que aínda que son familiares están xestionando capitais nada despreciables.

 Na cuestión do diñeiro negro cómpre aínda falar de que moitas destas empresas fornecen traballo aos seus empregados que logo son autónomos en negro durante as fins de semana. Xente toda ela preocupadísima polos soldos dos funcionarios, mais instalada na fraude permanente. É tamén tarefa de todos que estes casos saian á luz e as deducións fiscais para os que denuncian deberían ser importantes." CONTINUA MAÑA...


mércores, 10 de marzo de 2010

Rexeitada a ILP de Queremos galego

E tras a mostra de humor anterior, toca falar de cousass serias. O rexeitamento da ILP de Queremos galego. Deixo que falen as comunicacións que me chegaron o correo persoal por parte da CIG. 
Onte:
"Prezadas compañeiras,
Prezados compañeiros,

Na tarde de onte celebrouse reunión da Mesa do Parlamento e, como era previsíbel, tratouse de novo sobre a admisión a trámite da nosa iniciativa lexislativa popular. Como era tamén de agardar, o PP fixo valer a súa maioría no organismo para rexeitar que a ILP puidese emprender o seu camiño legal, porén contou cun sorprendente aliado: o representante do PSdG-PSOE tamén votou en contra.
Como xa se indicou en correos anteriores, cómpre responder canto antes, anunciando as medidas legais e sociais que se iniciarán inmediatamente. Así, hoxe martes 9 de marzo ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 16) haberá unha rolda de prensa da Plataforma “Queremos Galego” para valorar a situación e propoñer novas accións.

Unha forte aperta e moito ánimo, agora que é aínda máis preciso.
Seguiremos informando"

E hoxe chegoume isto:

"Enviamos información sobre a rolda de prensa de onte de Queremos Galego
Asunto   INFORMACIÓN URXENTE QUEREMOS GALEGO!

A/A. EDNL e comunidade educativa:

Prezada/o amiga/o:

A seguir enviamos información da conferencia de imprensa que tivo lugar hoxe
9 de marzo tras coñecermos o rexeitamento a trámite da Iniciativa
Lexislativa Popular presentada o 8 de febreiro pola plataforma Queremos
Galego, por parte da Mesa do Parlamento. Agradeceriamos a máxima difusión da
noticia por canto afecta a un dereito democrático básico como é o da
iniciativa popular e incide na política de desmantelamento da oficialidade
da nosa lingua por parte do PP.

Se quixeres coñecero o textoda ILP rexeitada pola Mesa do Parlamento podes
entrar en:
http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexi
slativa-popular

QUEREMOS GALEGO  COMEZARÁ A RECOLLER SINATURAS PARA EVIDENCIAR O APOIO
SOCIAL Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR REXEITADA POLA MESA DO PARLAMENTO

A plataforma asegura que “non vai calar por moito que queira Núñez Feijóo
que a sociedade deixe de defender o galego”

Queremos Galego estudará respostas xudiciais contra a resoluciónda Mesa do
Parlamento, que evidencia “a actitude prepotente dun Partido Popular que
teima en non querer escoitar a sociedade”

Santiago de Compostela. 9 de marzo de 2010. A comisión xestora de Queremos
Galego compareceu hoxe en conferencia de imprensa para, a través dun dos
seus portavoces, Carlos Callón, anunciar as medidas legais e sociais a
adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a
trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses desde
a plataforma. Esta iniciativa puxérase en andamento a través dunha comisión
promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes ámbitos da vida
social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda
Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois
“O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.

Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente
a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración
galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e
na Carta europea de linguas minorizadas.

Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis
“do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera
maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo
utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a
Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular
para os seus fins”.

A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é
un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén
de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só
marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e
cidadáns maiores idade e censuados en Galiza. Tras completarse o mínimo
necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o
seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que
ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso
o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E
recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren
aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da
súa aprobación final ou non”.

Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra
antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis”
ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando
accións  de defensa da nosa lingua. Neste sentido, Queremos Galego anunciou
que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as
mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento
galego a todos os grupos.

Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en
todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por
profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.

A plataforma cidadá chama ao pobo galego “a mobilizarse e non deixar pisar
os seus dereitos lingüísticos e políticos”, duplamente vulnerados ao
negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciariva. Segundo Carlos
Callón,  “o PP terá que escoitar, quixer ou non, a voz do pobo”. E lembrou
que este “xa reaccionou exemplarmante á política lingüicida do actual
goberno a través das manifestacións máis grandes da historia democrática en
defensa da nosa lingua e cultura”. O tamén presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística amosouse convencido de que  a sociedade “volverá
mobilizarse por múltiplas vías” se fai falta e anunciou a presentación dun
calendario de “intensas actividades ao longo e largo de todo o país”.

Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun
recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do
Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o
PP teima en facer desaparecer”.

TEXTO DA ILP EN:
slativa-popular"

En fin nada novo por desgraza.



E logo ...

ti que ves sendo:  galego no senso mais pexorativo do termo, ou un intolerante con senso de inferioridade e perturbarción nacionalista?
http://aconjuradosnescios.blogspot.com/2010/02/upyd-institucionalizacao-do-racismo.html
http://perfectoconde.blogspot.com/2010/02/rosa-diezmada.html
http://revistaretranca.blogspot.com/2010/02/retranca-presenta-os-chistes-de-rosa.html
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6149
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6154
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6176
http://cafenatrincheira.trincheradigital.com/?p=1205
http://perfectoconde.blogspot.com/2010/02/xynthia.html
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idEdicion=1536&idMenu=149&idNoticia=520433
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6230






Tamén en Galizuberalles

venres, 5 de marzo de 2010

Data limite 1 de marzo de 2017 (parte II)


Eleccións de 2001:  Un 21 de Outubro todos os soños do nacionalismo, agarimosamente criados despois do 1997, chocaron coa realidade.  Os resultados foron:
PP: 791.885/52,51%/41 BNG: 346.423/ 22,97%/ 17 PSdG-PSOE: 334.819/ 22,20%/ 17  
Fóra do parlamento e dentro do nacionalismo quedaron: Democracia progresista galega DPG: 6.938/ 0,69%/-  FPG: 3176/ 0,21%/-
Total do nacionalismo (incluindo a DPG que a inclúo so polo nome pois non atopei datos): 356.537/ 23,87%/17 Aquí comeza a recuperación do PSdG empurrado polo comezo do efecto Zapatero e porque Touriño puxo certa orde aquí. Significativo do estado dun partido que alguen como Touriño chegue a ser candidato, pacificador do mesmo e finalmente presidente da autonomía. O voto prestado marchou. Beiras co seu carisma non daba mais de si. E a frase :"vendidos o capital e o españolismo" comezou a usarse para referirse o BNG. Curiosamente, esa frase que a min dixoma un coñecido ,membro de Agir, e que estaba moi orgulloso de non ter votado foi parella con outra dunha coñecida: "yo vote en blanco, porque una cosa es estar harta de Fraga y otra votar a los radicales del Bloque". Cousa de ter amizades variadas. E desde entón vivimos na paradoxa permanente: o BNG mais moderado, case é un partido rexionalista, perde votos por radical mentres outros non lle votan por moderado.

Eleccións de 2005: E por fin, un 19 de Xuño e polos pelos, rematou o fraguismo.
 PP 756.562/ 45,81%/ 37 PSdeG-PSOE 555.603/ 33,64%/ 25 (máximo en votos e porcentaxe do PSdeG) BNG 311.954/ 18,89% 13
 O nacionalismo tivo fóra do parlamento á: FPG 2.982/ 0,18 %/- NÓS-UP 1.749/ 0,11%/-
En total o nacionalismo tivo: 316.685, ou o 19,18% dos sufraxios e 13 escanos. Esta foi a vez na que nos consolamos coa chegada a Xunta e a desaparición do fraguismo. Para uns non foi consolo abondo, para min si. Respecto a estas eleccións quero mencionar dúas cousas: O Prestige e La Coz. Soe dicirse que foi o Prestige o que posibilitou a derrota de Fraga, eu dubidoo, nas municipais de 2003 o PP seguiu coma se nada incluso nos lugares mais afectados. A xestión da catástrofe foi mala non así a das súas consecuencias. As redes caciquis puxéronse a traballar e sementaron cartos a feixes. Nada produtivo porén totalmente valido para a mentalidade galega que o quere son os cartos na man e non promesas nin planos de futuro. Respecto a La Coz, primeiro o cidadán medio cre que é un xornal totalmente neutral e obxectivo pois entre outras cousas carece de editorial ( o do editorialista a inmensa maioría da xente ignórao, ata eu tardei anos en caer da burra o non fixarme na letra pequena). Ben e La Coz no último mandato de Fraga foi implacable co goberno: primeiro o Prestige, despois as caídas de Fraga, que se ía ser un candidato con mais de oitenta anos, a rebelión de Baltar, que se o PP estaba dividido entre boinas e birretes... Así todos os días xa fose na sección de Galicia, na de opinión ou na de España o tratar o PP, e moitos deles con triplete. La Coz ten influencia, non é paranoia do BNG. Non pode cuantificarse en votos, mais crea unha corrente de fondo que podo facer variar uns poucos ou moitos votos, ou sexa un escano. Lembremos que se gañou a Fraga no tempo de desconto pendentes do CERA. Se o candidato non fose Fraga e La Coz estivese dacordo o mais seguro é que o PP gañase no 2005. Fixo falta todo o anterior e o tiron do goberno amigo, ese gran mito galego, de ZP para gañar por un.

Eleccións 2009: 1 de marzo, día da desfeita, todas as enquisas trabucaronse e comezou algo moito peor que o fraguismo e quen sabe se mais longo.
PP. 789.427/ 46,68% / 38 PSdeG-PSOE 524.488/ 31,02%/ 25 BNG 270.712/ 16,01% /12
Sen escano quedaron os nacionalistas de: TEGA 18.726/ 1,11% /-  FPG 2.903/ 0,17% /-    NÓS-UP 1.510/ 0,09% /-  + G 923/ 0,05%/-
O total do nacionalismo obtivo: 294.774 votos, que supuñan un 17,43% e 12 escanos. Case de volta os resultados de 1989. Pode dicirse que o 2009 foi unha repetición do 2005. Agora La Coz escolleu o BNG como branco e durante case catro anos xa fose pola Cidade da Cultura, a feira da Habana, o uso do termo Galiza, e sobre todo a partires do 2007 o decreto do galego e o concurso eólico, o BNG saíu ata na sopa na Coz, raro era o día que non fixese triplete nas seccións. Ah, ademáis non estaba Fraga, senon un candidato novo mais acorde os novos tempos.
 Se miramos o conxunto das eleccións teríamos unha media de: 317.772 votos, que supoñen o 20,74% dos votos validos e 13 escanos. Se descontamos os resultados de 1997 a media queda en 299.252 votos, un 19,67% dos sugfraxios e 12 escanos. Ou sexa que mais ala de utopías como a das enquisas do CIS e o seu mitico 25% de nacionalistas e espellismos coxunturais como 1997, a situación normal do nacionalismo (por outra banda bastante estable) é a de 1993 e 2005.. O quid da cuestión pois é non baixar mais e non perder o único logro destes anos: a unidade de voto. Porque non esquezamos que os partidos son un medio, non un fin. Por iso considero que moitas das criticas que se fan o BNG (e mira que eu tamén o critico) son excesivas e que como non me canso de repetir(1,2) o nudo gordiano da cuestión esta en cantos somos e que facemos cos que somos.

Bueno e que ten que ver todo o que dixen co aniversario da derrota e co 1 de marzo do 2017?

- Co aniversario: pono no seu sitio e bota un pouco de realidade sobre unhas excesivas ilusións que comezaban a agromar nalguns espazos da rede. Se o pesimismo do ano pasado, compartido por min e orixe deste blogue, era esaxerado o optimismo do momento presente e aínda mais irreal. As masivas manifestacións a prol da lingua poden moi ben ser flor dun día. Carecemos de apoio mediatico e os aliados puntuais non son de fíar. O PSdeG e moitos dos que se manifestaron anhelan unha solución de compromiso que faga voltar as cousas o rego: desaparición paulatina baixo unhas medidas supostamente proteccionistas. Co cal para cando toquen as eleccións seguintes, supostamente no 2013, todo iso estara superado e esquecido. No 2013 se o PP esta no goberno do estado o efecto goberno amigo tirara del e o PSdG será un caos.  Ademais claro esta que o  CERA esta vez voltara a ser para os conservadores. A baza que xogaran os socialistas galegos sera a de sempre: presentarse como o mal menor. Tentaran por todos os medios manterse na ambigüidade mais absoluta para non perder votos xacobinos fronte a UPyD e gañar votos do BNG. De feito a súa campaña seguro que estara mais orientada a fagocitar o voto nacionalista que a tentar derrotar o PP. O quid da cuestión é cantos van picar o anzol. O 2013 será unha vitoria do PP. Vitoria que pode ser eterna porque xa aprendeu a cambiar de candidato e seguir no poder: fixoo en Madrid, en Valencia e Castela e León e farao aquí. Non caiamos nos vellos erros de cargar todo nos ombreiros de Feijoo. O importante é o PP, mellor dito as politicas do PP. Politicas que o PSdeG non cambia moito. De feito aí esta a experiencia do bipartito na que Touriño deulle unha vicepresidencia simbólica a Quintana porénn quen mandaba cando non estaba era Pachi, un conselleiro. Iso sin contar que o PSdeG adicou mais esforzos a torpedear a acción de goberno das Consellerías do BNG que a gobernar el mesmo. O do decreto do gaelgo foi de antoloxía: feito nunha consellería súa acabaron botandolle a culpa o BNG e asumindo a tese da imposición. Con todos eses vimbios a campaña da Coz era doada. (Por certo que a campaña da Coz anti nacionalismo segue como so o goberno non tivera cambiado, so da certa tregua nos ultimos meses polo das caixas).

- Co 2017. Ben, as políticas tardan un tempo en dar resultados tanxibles. No caso do tripartito as súas medidas foron mantidas polo goberno de Fraga so que cambiandolles o nome e ocultando a súa procedencia. Iso permitiulle gobernar os dous primeiros mandatos. Cando se esgotaron as ideas do tripartito tivo que botar man do "toca sacrificarse por España" que lle deu outros dous mandatos nos que o goberno da Xunta non fixo nada. No caso do bipartito nunca saberemos ata que punto eran factibles pois Feijóo eliminounas por completo. Dadas as multiples frontes que o actual goberno abre cada día, os verdadeiros efectos non serán plenamente tanxibles ata o 2017. De aí o de data limite. Se para esa data o nacionalismo non é quen de artellar unha vía de acción que de resultados o estilo da vía culturalista de Ferreiro durante o franquismo, non quedara nada polo que loitar en Galiza. E esa vía non pode ser so política. Centrar todos os esforzos nunha suposta maioría que algun día caera do ceo é un esforzo inutil. A fin de contas ese día non da chegado e cada vez queda menos de Galiza. E precisamente nesa loita por salvar todo o posible é onde a unidade nacionalista é mais necesaria.

Para rematar dicir que todo o anterior non pretende ser unha profecía, todo o contrario. Eu estarei nesas datas, se Deus quere, mais que feliz de terme trabucado, de trabucarme. Por desgraza tal e como están as cousas hai poucas posibilidades de que asi sexa, e tamén moi poucas de que o nacionalismo espabile e non acabe sendo un mais deses movementos minoritarios e utopicos que circulan pola rede. Respecto o 1 de marzo do 2009 todo o que dixo Heder, naquel intre colaboradora anónima, segue sendo valido.

ENGADIDO: o venres 26 de febreiro "El Gato al Agua" fixo un especial desde o teatro Jofre de Ferrol onde Feijóo volveu darse un baño de moderación. Entendase moderación porque as súas verbas eran as mais moderadas das que ali se dixeron. Todo o que dixen aquí vale outra vez.

xoves, 4 de marzo de 2010

Data limite 1 de marzo de 2017 (parte I)

Chegou, e pasou que non puiden estar a tempo, a data do aniversario da desfeita e todo parece ter voltado a normalidade, da de verdade. O PP no goberno facendo o de sempre e a oposición sacando peito e dicindo que desta si, desta vai porque o pais non vai aturar nen un día mais tanta desfeita e tanta ignomia. Pretensión esta da oposición que chocara coma sempres coa dura realidade, ou non? Deberíamos crer que desta vai e conxurarnos con tantos outros no obxectivo do 2013? Iso si que é ilusión e non a de Madrid coas citas olimpicas. Polo momento nada indica que o 2013 sexa a data. (1,2)
En fin antes de analizar se existe ou non esa data taumatúrxica permitidime botar a vista atrás, xa sabedes deformación de historiador que sempre andamos rosmando co pasado por ser poder botar luz sobre o presente.
O 17 de decembro de 1989, curiosamente o mesmo día que en 1483 decapitaron a Pardo de Cela, Fraga gañou as eleccións o parlamento e deu comezo a 16 anos de fraguismo ou "Pax Fraguiana". Nesas eleccións o tripartito foi derrotado e comezou un proceso de borrado e emporcallamento da súa memoria que se mantén ata hoxe. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 583.579/ 44,20%/ 38 PSG-PSOE 433.256/ 32,81%/ 28 (máximo número de escanos dos socialistas) BNG 105.703/ 8,01%/ 5 P. Socialista Galego-Esquerda Galega PSG-EG 50.047/ 3,79%/ 2 Coalición Galega CG 48.208/ 3,65% 2
A eles habería que engadir dentro do nacionalismo e fóra do parlamento:
P. Nacionalista Galego-P. Galeguista PNG-PG 18.036/ 1,37%/-   Frente Popular Galega FPG 2.629/ 0,20%/-
En total o nacionalismo obtivo: 248. 263 votos que supoñían o 17,02% dos votos emitidos e 9 escanos
Eleccións 1993: As eleccións foron o 17 de outubro. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 763.839/ 52,62%/ 43 (máximo de escanos do PP) PS de G-PSOE 346.831/ 23,89%/ 19  BNG 269.233 18,55/  13
Fóra do parlamento e dentro do nacionalismo quedaron:  CG 6.098/ 0,42%/-   Alternativa Galega AGAssembleia Do Povo Unido APU 1.492/ 0,10%/- 3.187/ 0,22%/-  
Total do nacionalismo: 280.010/19,29%/ 13
Eleccións 1997: A campaña do vamos a ganar de Abel Caballero e non imos pactar que nos sos podemos e xa imos en coalición esnafrouse contra a realidade un 19 de outubro. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 832.751/ 52,88%/ 42 (máximo de votos e porcentaxe do PP) BNG 395.435/ 25,11%/ 18 (maximo de votos e porcentaxe do BNG) Partido Socialista de Galicia/Esquerda Galega/Verdes PSdG/EG/OV 310.508/ 19,72%/ 15 (dous escanos foron para Esquerda galega, o PsdG 13, minimo de votos e porcentaxe do PSdG)   
Tamén habería que contar dentro do nacionalismo e sen escano : Democracia Galega DG 11.538/ 0,73%/-    FPG 3.395/ 0,22%/-
Total do nacionalismo: 410.368/ 26,06%/18 (maximo en todos os aspectos, O Santo Graal a conquerir de novo!. Unha falacia: parte era voto prestado socialista farto de Don Manuel e desesperanzado pola crise do partido a nivel estatal e autonómico. O nacionalismos enganouse nese momento (eu tamén o fixen nesas datas) crendo que por fin este ía ser un pais normal e o nacionalismo converterse na primeira forza ou cando menos na alternativa real ao PP.

Continua maña...