venres, 26 de febreiro de 2010

Nas trincheiras

Lin en "El País" un artigo que concorda bastante cunha das miñas teimas habituais, xa tratada con anterioridade neste blogue, a configuración dunha potente plataforma mediatica a favor da dereita mais cerril sen que desde a esquerda se poida contrarrestar esa marea creadora de opinión.
Nestes momentos Popular Tv, Veo7 e Intereconomía batallan con éxito a nivel estatal na creación dunha idea de España/castelán en perigo que debe ser salvada a calquera prezo.

A Constitución segundo eles:
- uns días, cando están de boas, é mal interpretada.
- noutros , a maioría, foi unha concesión escandalosa a esquerda e nacionalistas-separatistas que debe ser reformada nun senso amplamente restritivo.

Agora mesmo "El gato al agua" en Intereconomía e "La Vuelta al mundo" en Veo7 configuran dous espazos de linchamento e destrución do contrario. Programas que se retroalimentan a través dos outros medios do grupo: radio Intereconomía e o xornal "La Gaceta" no caso do primeiro e o xornal "El Mundo" no caso do segundo, con aparicións estelares en radios amigas como COPE e esradio.
Fronte a isto existe algunha alternativa? Dúas porén moi distintas os programas anteditos. "La noche en 24 horas" da canle 24 horas de TVE e o recente "Hoy" en CNN+ Ben é certo que ámbolos dous responden a un esquema clásico de programa informativo que mestura opinión e análises e non o novo xornalismo de acoso e derribo posto en vigor desde os 80 polos republicanos dos USA ( o celebre rearme moral da era Reagan que levou a "vitoria sobre o comunismo e a caída da URSS) e que agora chega ata o estado español.
Discútese moito sobre a incidencia real deste novo xornalismo na sociedade en xeral e na política en particular. Sobretodo desde os medios de esquerdas que se negan a entrar no mesmo xogo dada a coñecida "superioridade moral dos medios e votantes de esquerdas". Coincido na necesidade de non imitar o modelo, aínda que non creo na superioridade moral da esquerda en ningún sentido. É mais, o efecto practico desta suposta superioridade moral: quedar na casa e non votar cada vez que a "pureza" persoal se ve ameazada paréceme unha parvada maiúscula.
 
O quid da cuestión non esta en imitar o modelo senón en neutralizar os seus efectos prexudiciais, en non deixarlle o campo libre e evitar esa fuxida da opinión publica. De momento tanto a esquerda como o nacionalismo no caso de Galiza non foron quen de considerar unha alternativa mais aló de apoiar programas clásicos como os mencionados que por ser clásicos so van atraer a unha poboación cun nivel de debate político mais elaborado e van ter menos peso mediatico. Nesta ausencia de alternativa tamén inflúe o feito de que tampouco pensaran moito nela, e van sufrir todas as consecuencias como xa lles pasou con La Coz.

E xa que estamos falando de medios de comunicación so me queda comentar a entrevista a Guillerme Vázquez este luns 22 de febreiro na TVG. (Por milagre a TDT permaneceu estable durante o tempo da entrevista, constituíndo xunto coa película Wolfhound as dúas únicas cousas que puiden ver na TVG desde que pasei a TDT hai uns meses).
A verdade é que me esperaba que o entrevistador fose Carlos "martelo de galegofalantes" Luís "lambecús de Conselleiros" Rodríguez. Non foi el, unha magoa. A entrevista foi a típica entrevista pactada e totalmente descafeinada. Supoño que o único éxito que se pode apuntar o BNG nos últimos meses e que precisamente conseguiron pactar esta entrevista tal e como é usual.
O voceiro nacional do BNG comezou claramente nervioso porén foi mellorando claramente a medida que avanzaba a entrevista sen conseguir vencer por completo esa lacra que comparte con Quintana e non tiña Beiras: a voz e pose de vello cura de aldea cando da un sermón. Nos tempos de hoxe esa forma de falar e presentar as cousas espanta.
 
Respecto as preguntas, as típicas e do mesmo xeito típicas foron as respostas. Aí esta o maior erro do entrevistado. Tivo a ocasión polo menos en tres preguntas de sacar algún beneficio:
- As caixas? A resposta foi o discurso oficial do Bloque, cando agora todo apunta a que foi o parvo útil e que as caixas se van repartir alegremente entre PSOE e PP. Unha oportunidade perdida de transmitir algo en positivo: a necesidade dunha caixa galega, que os intereses de Galiza están por riba dos partidos, que o PP e Feijóo teñen unha axenda oculta igual que o PSOE, que o BNG apoiou e apoia a fusión mentres sexa galega e que se todo segue igual hai razóns de sobra para estar contra ela na medida que signifique un reparto de prebendas, que se a fin hai fusión esta non é un punto final senón un punto de partida...
- Vai haber mais pactos co PP? a resposta típica para evitar quedar como alguén que cambiou de bando e traizoou a esquerda e anos de batalla anti PP. Oportunidade de dicir algo sinxelo e claro: o Bloque pactara con calquera partido cando sexa bo para Galiza. Non temos porque pactar so con uns, nin pactar sempre. Galiza é a nosa primeiro preocupación.
- Vai ser o candidato a Xunta? a resposta que o partido non esta niso porque as eleccións quedan moi lonxe e ningún partido ten pensado o seu candidato. Oportunidade de dicir: son o voceiro nacional e cando chegue o momento presentareime ou non (que tampouco sei se o señor Vázquez ten ganas de ser candidato) a decisión do partido. De momento o partido funciona con todos os seus cargos nomeados e cada un cumprindo o seu papel. É o mesmo que dixo el porén escorre menos a resposta e da menos sensación de transitoriedade.
En fin como vemos o campo mediatico presentase negro para nos e os lideres do nacionalismo non parecen moi dispostos a cambiar nin polos menos o seu xeito de comunicar.

ENGADIDO: Para un día que non vexo o programa vai Rosa Díez e saca a lingua a pacer en Hoy (1,2,3) Eu creo que non desacredita o programa como puidera parecer se no a ela mesma. Ademais confirma esa fascinación que sinten todos en España por UPyD incapaces uns de ver o que é, un partido fascista, e outros encantados con que sexa así. Por outra banda tamén confirma ese sentimento alén Pedrafita de: "pobriños menos mal que os goberna o PP" nunha versión e noutra: "pobres anormais, como poden seguir votandolle o PP". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario